EL Gallego en la Naturaleza Berciana.
AS SEARAS COMUNAIS NOS MONTES BERCIANOS.
Por Xabier Lago Mestre, Pte. Fala Ceibe do Bierzo.
Na economía rural berciana tivo moita importancia a explotación do monte, como achega complementaría de recursos para as familias das aldeas das zonas altas.
Durante séculos os veciños acudiron ao monte para acadaren variados produtos agrarios, gandeiros e forestais.
Foi nas décadas do 60 e 70 do século XX cando a explotación comunal dos montes se desmoronou por mor da emigración de xentes cara a Madrid, Catalunya, Euscadi e demais.
O monte berciano tiña unha peculiar forma de explotación, trátase da Seara (tamén senras).
Parte do monte das aldeas era cavado, mediante a Cavada de toxos, xestas, uces, carqueixas, carpazas, silveiras e demais. Esta cavada servía para forzar o crecemento de futuros pastos do gando e cultivo de cereal como o centeo. A dita cavada tiña lugar cada 10 anos, tempo de descanso forzado, durante o cal estas terras de montaña recuperaban certa produtividade. A Seara realizábase de xeito colectivo coa participación de todos os veciños da aldea, baixo a organización do concello. A título de exemplo, a cavada en Mosteirós principiaba no mes de maio, despois se deixaba secar a vexetación; entre os días de Santiago (25 de xullo) e S. Lorenzo (10 de agosto) metíase fogo ao monte.
Nos veráns era común ver no Bierzo multitude de columnas de fume que se erguían cara ao ceo.
Temos pois o seguinte proceso complexo da seara: primeiro convócase polo pedáneo aos veciños, con gando maior e instrumentos de labranza, segundo rómpese a parte do monte coa correspondente roza, terceiro a queima da broza (toxos, fentos, silvas, carqueixas…), cuarto a cavada de maio a xuño, quinto arada utilizando a gambela para sacar as raíceiras, sexto paso consistía en apicañar (amorear) os terrois en tolas ou borrellas, prendéndoas posteriormente, sétimo espállase a borralla de cinza polo terreo estivado, oitavo nova arada, noveno sementábase en setembro para o centeo, décimo a seitura co fouciño, undécimo atado dos mangados en mollos, duodécimo carrexada dos feixes ata a aira, décimo terceiro mallada cos maios de madeira para separar palla do gran, derradeiro lévase a colleita á casa do concello e reparto entre os veciños do froito. Isto último acontecía nas aldeas da Cabreira, quizais pola influencia dos foros colectivos que formentaron máis o traballo colectivo.
Noutras zonas había reparto de terreos por suertes ou quiñóns para o cultivo individualizado dos veciños.
Outra terminoloxía relacionada temos nas Poulas que son os terreos que se deixan sen cultivar (barbeito) para pasto en inverno do gando. Polo que se refire ás Bouzas, son terreos incultos poboados de mato formado por toxos, xestas, uces e demais. O Ceibo na comarca da Cabreira é un terreo comunal para rozar. Normalmente os chamados Chanos ou Chaos (chairas altas) e os Cembos (prominencias dos terreos baixos) adícanse a terrazgos temporais, mentres que nas Campas e os Lombos (cordas entre vales) estaban as Brañas para o gando en verán.
As Suertes eran os lotes en que se partillaba o monte a fin de repartir as terras de labor, a leña, a herba, as follas, os froitos e demais. Tamén temos os Quiñóns que son as porciois de terra comunal para o usofroito temporal ou perpetuo de veciños. Os ditos quiñóns e suertes distribuíanse entre os veciños mediante sorteo. Os terreos dividíanse con testigas (mojón) para asegurar lindes. Tamén se utilizaban murias, lindeiros, pedras fitas, marcos, estremas (franxa de terra), derregas (sucos), etc. As parcelas resultantes da seara, no Bierzo occidental e O Courel, tiñan nomes segundo a súa forma, así temos os Tallos (rectangulares en terreos pendentes), as Latas (rectangulares en terreos chairos),os Cadros (cadrados) e Rechave (mestura de formas anteriores).
No Bierzo aínda atopamos na nosa toponimia numerosas referencias a estes termos, casos de Bouzas (concello de Ponferrada), Suertes e Fumeixín en Candín, Poza da Seara en Espiñareda de Ancares, Redebouzas e A Bouza ao sur da Veiga de Espiñareda, As Cavadas, As Suertes e O Boucín en Berlanga, O Buizarón en Benuza, A Queimada en S. Tirso de Lardeira, Rodebouzas en S. Pedro de Paradela, Valcabado, O Bouzón e As Suertes en Fabeiro, Os Quiñois en Argaio do Sil, Queimadonas en Lillo do Bierzo, As Rozadas de Moral de Valcarce, A Poula en S. Clemente de Valdueza, O Poulón en S. Adrián de Valdueza, O Bouzón de Cabeza de Campo, A Queimada en Hornixa, As Bouzas na Braña da Veiga de Valcarce, A Rozana en S. Xulián de Paluezas, O Cerro de Bouzas de Villarrando, A Seara no Courel, etcétera.
S ÁRBORES E OS ARBUSTOS EN GALEGO-BERCIANO,
Por Xabier Lago Mestre, Pte. Fala Ceibe do Bierzo.
Amosamos as denominaciois das principais árbores e os arbustos da nosa rexión na lingua galego-berciana. Este patrimonio vexetal ten que ser máis valorizado e conservado polo seu alto valor natural.
NOGUEIRA, COUNCHEIRA, NOCEDAL, NOGALEDA, NOCEDA (nogal en castelán). Utilízase a súa corteza para combater o estreñemento, a tose crónica e maila cagaleira, e as súas follas serven para a asma e os cálculos urinarios. Existe A Nogaleda en Penoselo.
HEDRA (hiedra) que serve como purgante provocador do vómito.
GROSELLEIRA (grosellero rojo).
FREIXA, FRESNEDA, FRESNEDO (fresno). Existen os pobos de Fresnedo e Fresnedelo.
OULIVEIRA (acebuche).
SABUGUEIRO (saúco). Existe a paraxe de Sabugueiro en Hornixa.
PICANTRIELLA (cambrón)
SALTAXEBES (madreselva de soto).
PIORNO (piorno), a súa flor é de cor amarela. Localízase no Catoute, Xistredo, As Médulas e Carucedo.
XESTA, XESTEIRA (escoba hornil) tamén de cor amárela. Atopamos topónimo Xestas en Moñón.
XESTA NEGRAL (escoba negra), de cor amárela. Localízase en Valdeprado.
XESTA BRANCA (escoba blanca). Usábase para cama do gando, e teitos das cabanas de pastores.
CARQUEIXA (carquesa). En serras de Xistredo e Catoute, O Carqueixal en Ancares, Carqueixeda en Samprón.
TOIXOS (árgoma) flores de cor amarela.
BUXO (boj).
ERBEDO, MOROGUEIRA (madroño). Temos o pobo de Herbededo, Erbedal en Sanvitul.
QUIRUEGA, QUIRUGA, QUIRUELA, QUIRUÁ (biércol, quiruela) de cor colorada. As súa raiceiras utilizábanse para lume.
URCE MOURA, FURCE (brezo), flor colorada. Servía para combustible e iluminación (lumeiro) da casa, carbón vexetal, fraguas, facer gaitas e fusos de fiar. En conca alta do val do Selmo, As Médulas, Carucedo, Xistredo, Catoute, Montes Aquilanos.
QUEIRUGA DE TRES FOLLAS (biercoal nazacero) de cor morado.
UZ VASOIRIÑA (brezo de escobas).
QUIRUGUIÑA, QUIRUGA MACHO (biercol temprano) de cor morada.
XARA, ESTEVA (jara pringosa).
CARPACIÑA, CARPAZA MOURA (estepa vaquera).
CHAUGAZA (chaguazu).
ROMEIRO, RUMEU (romero), de cor colorada.
CARBALLO (roble). Os seus bosques chámanse carballeiras. Temos en Ancares O Carballal e Carballín, Os Carballiños en Cabeza de Campo, Chao do Carballal e O Carballón en Burbia, Os Carballinos de Vilarbón.
REBOLO (roble marojo). Existe O Rebolón en Os Mazos, A Reboleira de Teixeira en A Braña de Valboa .
REBOLO BULIÑO (roble carballo o fresnal). En Valdeprado.
BIDUEIRO (abedul), madeira para facer galochas.
AMIEIRO (aliso), localizamos árbores en Perexe.
ABELEIRA (avellano).
LAMAGUEIRO, LLAMERU, LLAMEIRU, LLAMEIRA (llamera o olmo de montaña), madeira utilizada para carros e muíños. As súas follas serven de alimento de gochos, forman porquerizas ou cortellos para refuxio destes bechos.
FIGUEIRA (higuera). Atopamos o topónimo Filgueiras en Cabarcos.
MORAL (moral), madeira para facer mobles, carros e tonéis de viño pola súa alta resistencia. Existe Moral de Valcarce.
LOUREIRO (laurel) de moito uso na cociña de alimentos.
CARUEZU, CARUEZAL (maillo).
PEREIRA BRAVA (piruétano).
SORBEIRA (guillomo, jerbo). Existe Sorbeda en Páramo do Sil.
CAPUDRE (cerbellano).
MOSTALLO, RAÑA (mostajo).
LOUREIRO (loro, azareno).
SILVA, AMOURAL (zarzamora). Temos Silvaredo en Oencia.
A GUINDAL (guindal).
SILVEIRA (zarza).
ACIÑEIRA, ENCIÑA (encina).
ABRUÑEIRO (endrino).
GAVANCEIRA (escaramujo, agavanzal).
CHOPO, abundante nas ribeiras dos ríos bercianos.
ÁLAMO.
ULMEIRO (olmo), case que desaparecido no Bierzo pola enfermidade.
SALGUEIRO (salce).
CORNALLEIRA (cornicabras).
PRADOIRO, PRADAIRO (prádano).
ESPIÑEIRO (escambrón branco).
PARREIRA (parra).
TEIXO (tejo). Abundantes en Teixedo, Teixeroa en Ancares, Teixadal de Burbia, Teixadal de Canteixeira, Teixo de S. Cristobal de Valdueza.
NEBREIRA, XINEBREIRA (enebro). Nomeado como Fuseira por servir para facer fusos para filar.
FAIA (Haya). Temos o Faixal de Busmaior. Madeira utilizada para facer xugos e arados.CASTAÑEIRO (castaño), as concentraciois desta árbore forma o Souto. Serven as súas follas para forraxe, castañas de alimento humano ou animal, a corteza para curtir e como medicina astrinxente. Tipoloxia da castaña berciana: Courela ou negral (grosa), rapada, raigona, ,galega ou parede e brava (silvestre). En Vilafranca chamábanse mamucas (castañas cocidas con nébeda) botadas dende a torre da igrexa á xente, os que as recollían prometían rezar unha oración polo defunto por cada mamuca comida. Existen Souto dos Marcos en Portela de Aguiar, As Castañais en Oencia, Castañoso en Valboa, Soutelo, Paradadesouto e Soutoparada en Trabadelo.
XARDÓN, XARDONAL, ACIVRO (acebo). Localizadas en devesas con pastos.
ZUFREIRO (alcornoque). Zufreirais en Vilafranca, Sta. Ana de Cabanas Raras, Pombriego, Santalavila, etc. Ulilizado para facer colmeas.
MORTEIRA son os montes vellos, orixinarios, situados na cabeza dos vales. A toponimia localiza Morteiros no val de Ancares, Morteiro ao norte de Suertes, A Morteira en Os Mazos, Murteira en Burbia.
Bierzonatura agradece a Xabier lago su articulo,también, animamos a nuestros seguidores,que colaboren y nos envien articulos fotografias etc.
Informamos a todos los que nos visitan que pueden participar en el concurso de fotogrfias´,con los siguientes temas.Denuncias fotograficas ,paisajes, animales,y los pueden enviar al correo del blog.
Las tres mejores fotografías seran premiadas,con una bandera del Bierzo cada una.